Feeds:
Artigos
Comentarios

De bares

Este é  un programa moi interesante da V Televisión no que se nos mostra a realidade dos nosos bares galegos. A ver se vos gusta.

Nestre programa coñecemos catro bares: en Carballo (A Coruña) na tasca O Pescador; en Celanova (Ourense) para a taberna O Tellado;  a Lareira de Sabela, en Vigo e en Baamontes (Lugo) o Restaurante Galicia.

 0031_45_56503.htm

Orgullosos do galego

Este ano celébrase en Pontevedra o ‘Ano Pintos’. Esta celebración consiste nun programa de actividades que ten como obxectivo profundizar na vida e na obra” de Xoán Manuel Pintos. Pintos, é unha personaxe importante  da cultura galega, xunto a outras como Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, Alexandre Bóveda ou Fray Martín Sarmiento, que tamén naceron ou viviron en Pontevedra.

O programa de actos do Ano Pintos organízao o concello de Pontevedra con motivo do bicentenario do nacemento do autor de ‘La Gaita Gallega’ (1853).

La Gaita Gallega mestura prosa e verso nun diálogo entre dúas personaxes. A figura principal é un gaiteiro que ensina un joven o que é Galicia e o seu idioma. Con ese pretexto Pintos establece o primeiro intento de fixar una escrita culta nunha lingua sen norma.

Algúns datos sobre Xoán Manuel Pintos (Fonte: http://www.galegos.info/gl/xoan-manuel-pintos-villar):

Currículum:

En 1825 iniciou estudios de Filosofía en Santiago. Entre 1829 e 1835 estudiou Dereito. Traballou como avogado na Coruña ata 1940, data en que se trasladou á súa cidade natal._En 1841 casou con Serafina Amado, coa que tivo catorce fillos. Entre 1844 e 1862 traballou como avogado en Pontevedra, onde desenvolveu unha gran actividade literaria e xornalística.

 

Obras realizadas:

Nos seus escritos amosou unha gran preocupación polo estudio e recuperación do idioma galego._A súa extensa actividade poética comeza en 1844 co romance A entrada do Sr Arsibispo cando vinha do seu desterro de Maón. En 1846 publicou o poema Contos da aldea no xornal El Circulador. En 1853 publicou A Gaita Gallega tocada polo Gaiteiro, ou sea Carta de Cristus para ir deprendendo a ler, escribir e falar ben a lengua gallega, e aínda máis. Ademais de estar escrito en galego, ten páxinas en latín e español. Está dividida en sete partes. Ademais destas composicións, escribiu vintedous poemas máis que foron publicados en distintos xornais como El País, El Heraldo Gallego, La Caridad, El Desengaño, etc. Escribiu ademais un Breve Diccionario Galego cunhas 6.000 entradas.

 

En pleno século XXI os galegos ainda estamos con estas caralladas. Cando imos aprender?

Bon, entra na páxina e asina, vai. Pincha e le a noticia de A Nosa Terra. Nela tes o vínculo para a páxina onde podes asinar o manifesto polo medios en galego, que manda carallo.

Aí queda un artigo de Xosé Lois García publicado en A Nosa Terra sobre Antón Vilar Ponte e o achegamento que debería existir, segundo este, entre Galiza e Portugal. Subliñei en negro o que me pareceu máis interesante e en vermello aquelo co que non estou de acordo.
“Antón Vilar Ponte foi un dos fundadores do nacionalismo galego. Desde o principio da súa actividade política defendeu o achegamento incondicional a Portugal co seu habitual saber xornalístico.
06.09.2010 | 10:42

Antón Vilar Ponte (1881-1936) foi a persoa puntual en xerar múltiplas perspectivas na formación e evolución do nacionalismo galego, tendo a Portugal como esencia común da nosa naturalidade. Quizais el foi o adiantado en pór en acción e destacar que galegos e portugueses, en mutuo achegamento, tiñan que pór énfase na lingua e na historia identitaria.

O pangaleguismo de Vilar Ponte tivo acuñación en 1918 nunha proclama titulada: “O Camiño Direito” dedicada á “Academia de Cencias de Portugal”, lida na Asemblea Nacionalista de Lugo, das “Irmandades da Fala”. No primeiro punto, concreta: “Galiza ten que considerar a Portugal, pois elo é axiomático, como o baluarte da sua independenza espritoal. Namentras Portugal exista como nazón independente, Galiza non perderá endexamáis as esencias de unha personalidá propia, que, esvaída ou non, sempre terá a virtude xermoladora dun senso irredentista, Galiza emporiso, debe ter sempre latexante no seu idearium nazonalista este principio”.

Antón Vilar Ponte entendeu que o pangaleguismo era unha idea unificadora entre os galegos de Galiza e os da diáspora, na que tiña cabida Portugal. Dentro deste contexto, procurou outra acepción, a da galusofonía para significar a prioridade que atanguía aos galegos –desde o punto de vista das “Irmandades da Fala” que lideraba–, para connotar ideais de liberdade que os portugueses gozaban. Para Vilar Ponte Portugal era unha preferencia emerxente e, tamén, histórica. Non en van subliñaba: “Galiza considera que ela con Portugal forma nazón compreta, tallada polo fatalismo histórico”. Consideraba que Portugal era o corpo e Galiza a cabeza, mutilada en liortas políticas que aproveitaron o río Miño para desintegrarnos. Para unificar ese corpo e cabeza, sinalaba: “Mentras Portugal sexa forte, haberá a posibilidade de que Galiza chegue a selo. Os galegos que non amen Portugal non amarán tampouco Galiza”.

A clave dese pangaleguismo e da galusofonía está nestas súas palabras: “mientras viva el portugués el gallego no morirá y porque pensamos al propio tiempo que al ser difundida por el mundo culto la enseñanza de la lengua lusitana, los libros gallegos, entre los que conozcan aquella lengua y la de Castilla podrán tener cada vez más lectores y mayor difusión, con la cual nuestro idioma vernáculo alcanzará una área de extensión superior s las de muchos idiomas vivos de Europa”. Nos seus artigos e conferencias manifestou a conveniencia de manter un contacto firme e recíproco co Brasil e coas colonias portuguesas en África e Asia. Esta visión expansionista do galego e a confirmación dun interese que el sentía pola normalización recíproca no plano lingüístico, é aínda esencial para a recuperación nacional de Galiza.”

Unha noticia que fala das pontes, cada vez máis habituais, que se están a establecer entre a cultura galega e a brasileira. Desta vez, trátase da publicación dunha novela escrita en galego ambientada no Brasil.

A escritora Iolanda Zúñiga gañou o premio Xerais de Novela coa obra Periferia. Era a primeira vez que se presentaba a un premio de narrativa e confirma o protagonismo da muller na narrativa galega. A novela transcorre nunha favela de São Paulo, en Brasil, e céntrase nun mundo globalizado, onde a violencia e o narcotráfico, especialmente nas favelas da periferia, marcan os ingredientes da vida urbana no século XXI. Preséntanos unha historia contada a ritmo de rap na que, segundo a autora, «non utilizo puntos e a parte» e a influencia do musical vai máis alá das formas. Segundo a gañadora, «a música foi unha maneira de aproximarse ao Brasil dende hai moitos anos e nesta maneira de escribir tamén influíu o rap que se fai alá. Tamén está África como orixe de todo».

Na opinión do xurado do Certame, “a partir dun argumento moi sinxelo e botando man dun sutil fío narrativo, a autora deste texto creou un universo narrativo contundente, denso, moderno e actualísimo co que se atreveu a construír unha novela do século XXI, ano 2010, poñendo cargas de dinamita nos piares da nosa propia concepción do que debe ser unha novela”.

Para a elaboración deste texto utilizamos información extraída da Voz e de A Nosa Terra.

Iolanda Zúñiga (Vigo, 1975)

Mestra de Educación Musical. Forma parte do grupo Murmelbruxas de música para nenos. Na actualidade traballa nun restaurante vexetariano de Vigo. Con anterioridade fíxoo como titiriteira, asistente nunha libraría e nunha tenda de discos.

Como escritora publicou o libro de relatos Vidas pos-it (Xerais 2007), pezas concisas e veloces, que alimentan un recetario de tropezos na vida, recibida de forma entusiasta pola crítica, e o poemarioAmor amén (Xerais 2008), un monólogo en verso dunha muller enganchada a unha relación destrutiva.

A Sala de Exposicións Caixanova de Vigo estrea hoxe a exposición “Seoane. Razón e compromiso” despois de pasar  polos centros culturais desta entidade en Santiago, Pontevedra e Ourense. A mostra organizouse co gallo do centenario do nacemento do artista e percorre a súa traxectoria artística a través dunha selección de corenta e cinco obras.

Sería bo que alguén se preocupase por traer a arte galega para o outro lado do Atlántico. Non sei se en Bos Aires ou noutras cidades con presenza histórica de emigrantes galegos costuma haber exposicións de arte galega, pero en Rio, que eu saiba, nunca as hai. E é unha pena, é unha oportunidade que perdemos para mostrármonos ao mundo.

A páxina oficial de Luis Seoane é esta. Entra e coñece a este artista galego.

Por fin unha noticia de intercambio cultural entre Galiza e Brasil. Parece que en xuño deste ano (2010) van vir entre oito e dez grupos galegos a tocar en Minas Gerais. Agora falta saber exactamente onde, porque o estado de Minas é do tamaño de España. Vou ver se me entero. Tampouco sei quen vén. A noticia foi publicada en Vieiros con data de 02 de novembro de 2009.  Eu non sei se hai moita xente por aquí que o saiba. É una pena que non se divulguen as poucas cousas interesantes que acontecen por aquí e que teñen que ver coa nosa cultura. Cando se divulgan, faise entre os socios das distintas “casas de España” ou “casas de Galicia”. Unha pena.

V Televisión

Hoxe comezou a emitir a V Televisión: unha nova canle galega de capital privado. Na páxina deles na internet podemos ler o seguinte:

“La tele que viene

Nace V Televisión, la nueva cadena de Galicia. Doscientas personas harán que cada día, a partir de esta noche, llegue a los hogares gallegos una nueva forma de hacer televisión. La actualidad informativa y meteorológica, cada 60 minutos. Las mejores series extranjeras y una apuesta clara por la producción gallega ( o negrito é meu) serán las piedras angulares del canal”.

Hai un vídeo tamén en español no que se nos presenta esta nova canle.

O que non conseguín saber aínda é canta programación vai ser en galego. Buscando na “parrilla de programación”, vin que hai algúns nomes de programas en galego:

Xente Emerxente: Xente Emerxente

Concellos De Galicia: Concellos De Galicia

Galego Con Curso: Galego Con Curso

Ata A Cociña: Ata A Cociña

Corre Carmela Que Chove: Corre Carmela Que Chove

Para Mariñeiros Píldoras

Vaia Choio: Vaia Choio

Se queres saber de que vai cada programa entra na páxina da V Televisión, na sección Programas. A información que nos dan sobre cada un destes programas está en español, pero non sei. Bon, claro, eu consultei a páxina en español. Pero a páxina en galego non a consulto porque tería que facer outro texto voltando a criticar o que sempre falo da Voz e agora da V Televisión sobre o pésimo uso que fan da nosa lingua.

Bon, esperemos que esta nova canle teña moita programación en galego, xa que polo visto non vai ser toda, como debería ser.

Acabei de saber dunha nova revista publicada en galego na nosa terriña. Trátase dunha revista de tendencias. Souben dela pola páxina de Vieiros. Poño a continuación o texto da noticia:

“Unha revista de tendencias, unha proposta moderna, un proxecto que cubrise un oco que en Galiza non se estaba atendendo. Xerar contidos desde aquí e en galego coa convicción de que a xente nova ten en Galiza preocupacións parecidas ás que pode ter a mocidade doutras xeografías. Así o explican para Vieiros a galega Vinyet Castro-Gil e o vasco Txema Mora, encargados da dirección e coordinación da revista Viralatas, un refacho de frescura na escena editorial do país.

Nun país cada vez máis urbano cómpren proxectos “modernos” e que fuxan “dos topicazos”, analizan. “Pódese falar en galego de calquera cousa, de Ben Harper ou de Charlotte Gainsbourg”, comenta Vinyet ao fío precisamente do último número da publicación, que inclúe unha entrevista coa cantante francesa que, á vez, é portada do Viralatas. “Apostamos tamén por apartarnos do que sae en todos os medios”, subliña Txema.

Eclecticismo e enerxía creadora
“A xente está farta dos canais máis comerciais, e busca outras cousas”, expoñen. Do mesmo xeito, afirman estar convencidos de que a creatividade ferve entre a mocidade galega que experimenta e bota á luz sen complexos iniciativas de todo tipo impensábeis hai anos. “Hai moita enerxía”, indica Vinyet. “Interésanos tanto ou máis Nano 4814 que Banksy”, explicita Txema, equiparando o xenio do graffiteiro vigués Nano co do mundialmente coñecido artista urbano británico.

Música, pintura, banda deseñada, teatro, literatura… teñen cabida no Viralatas. Cun deseño extremadamente coidado, a revista que ía chamarse Tora, Tora, en referencia ao berro dos kamikazes xaponeses, e que finalmente colle nome do alcuño brasileiro para os cans que viven na rúa, pode atoparse en ducias de locais de lecer de todo o país. O cineasta galego Rodrigo Cortés, triunfador no último festival de Sundance; o graffiteiro Mode2; a banda Hola a todo el mundo, o festival de Cans… son algúns dos contidos do número de maio. Xunto cos anteriores, está dispoñíbel para libre descarga en rede na web Viralatas.net.”

Interesante, non? Acabei de darlle unha ollada rápida ao número un. Na páxina da internet están disponibles os sete números que foron publicados e teño que dicir que ten moi boa pinta.

Artigos anteriores »

Seguir este blogue

Recibe aviso de cada artigo novo no teu correo electrónico.