Unha noticia que fala das pontes, cada vez máis habituais, que se están a establecer entre a cultura galega e a brasileira. Desta vez, trátase da publicación dunha novela escrita en galego ambientada no Brasil.
A escritora Iolanda Zúñiga gañou o premio Xerais de Novela coa obra Periferia. Era a primeira vez que se presentaba a un premio de narrativa e confirma o protagonismo da muller na narrativa galega. A novela transcorre nunha favela de São Paulo, en Brasil, e céntrase nun mundo globalizado, onde a violencia e o narcotráfico, especialmente nas favelas da periferia, marcan os ingredientes da vida urbana no século XXI. Preséntanos unha historia contada a ritmo de rap na que, segundo a autora, «non utilizo puntos e a parte» e a influencia do musical vai máis alá das formas. Segundo a gañadora, «a música foi unha maneira de aproximarse ao Brasil dende hai moitos anos e nesta maneira de escribir tamén influíu o rap que se fai alá. Tamén está África como orixe de todo».
Na opinión do xurado do Certame, “a partir dun argumento moi sinxelo e botando man dun sutil fío narrativo, a autora deste texto creou un universo narrativo contundente, denso, moderno e actualísimo co que se atreveu a construír unha novela do século XXI, ano 2010, poñendo cargas de dinamita nos piares da nosa propia concepción do que debe ser unha novela”.
Para a elaboración deste texto utilizamos información extraída da Voz e de A Nosa Terra.
Iolanda Zúñiga (Vigo, 1975)
Mestra de Educación Musical. Forma parte do grupo Murmelbruxas de música para nenos. Na actualidade traballa nun restaurante vexetariano de Vigo. Con anterioridade fíxoo como titiriteira, asistente nunha libraría e nunha tenda de discos.
Como escritora publicou o libro de relatos Vidas pos-it (Xerais 2007), pezas concisas e veloces, que alimentan un recetario de tropezos na vida, recibida de forma entusiasta pola crítica, e o poemarioAmor amén (Xerais 2008), un monólogo en verso dunha muller enganchada a unha relación destrutiva.
Narración viguesa-paulistana, eu un que rabea por lela!
Pois, si, Poldo. A ver cando chega por estas terras esa novela. Nunca!! Como non a traiamos nós… Bon, habería que botar a andar aquela idea de traer para aquí unha representación das principais librerías galegas para que a xente de aquí puidese ter acceso á nosa literatura. Necesitamos crear unha forma de que a xente á que lle interesa a nosa literatura poida comprala aquí en América. Creo que público haberíao. Apertas cariocas.