Antón Vilar Ponte (1881-1936) foi a persoa puntual en xerar múltiplas perspectivas na formación e evolución do nacionalismo galego, tendo a Portugal como esencia común da nosa naturalidade. Quizais el foi o adiantado en pór en acción e destacar que galegos e portugueses, en mutuo achegamento, tiñan que pór énfase na lingua e na historia identitaria.
O pangaleguismo de Vilar Ponte tivo acuñación en 1918 nunha proclama titulada: “O Camiño Direito” dedicada á “Academia de Cencias de Portugal”, lida na Asemblea Nacionalista de Lugo, das “Irmandades da Fala”. No primeiro punto, concreta: “Galiza ten que considerar a Portugal, pois elo é axiomático, como o baluarte da sua independenza espritoal. Namentras Portugal exista como nazón independente, Galiza non perderá endexamáis as esencias de unha personalidá propia, que, esvaída ou non, sempre terá a virtude xermoladora dun senso irredentista, Galiza emporiso, debe ter sempre latexante no seu idearium nazonalista este principio”.
Antón Vilar Ponte entendeu que o pangaleguismo era unha idea unificadora entre os galegos de Galiza e os da diáspora, na que tiña cabida Portugal. Dentro deste contexto, procurou outra acepción, a da galusofonía para significar a prioridade que atanguía aos galegos –desde o punto de vista das “Irmandades da Fala” que lideraba–, para connotar ideais de liberdade que os portugueses gozaban. Para Vilar Ponte Portugal era unha preferencia emerxente e, tamén, histórica. Non en van subliñaba: “Galiza considera que ela con Portugal forma nazón compreta, tallada polo fatalismo histórico”. Consideraba que Portugal era o corpo e Galiza a cabeza, mutilada en liortas políticas que aproveitaron o río Miño para desintegrarnos. Para unificar ese corpo e cabeza, sinalaba: “Mentras Portugal sexa forte, haberá a posibilidade de que Galiza chegue a selo. Os galegos que non amen Portugal non amarán tampouco Galiza”.
A clave dese pangaleguismo e da galusofonía está nestas súas palabras: “…mientras viva el portugués el gallego no morirá y porque pensamos al propio tiempo que al ser difundida por el mundo culto la enseñanza de la lengua lusitana, los libros gallegos, entre los que conozcan aquella lengua y la de Castilla podrán tener cada vez más lectores y mayor difusión, con la cual nuestro idioma vernáculo alcanzará una área de extensión superior s las de muchos idiomas vivos de Europa”. Nos seus artigos e conferencias manifestou a conveniencia de manter un contacto firme e recíproco co Brasil e coas colonias portuguesas en África e Asia. Esta visión expansionista do galego e a confirmación dun interese que el sentía pola normalización recíproca no plano lingüístico, é aínda esencial para a recuperación nacional de Galiza.”